Iniciar sesión

Ano novo, Beta nova

podcasteirosPois iso, reabrimos e reaximos, en beta, o podgalego.org. Despois da desfeita e a estragaría que supuxo a caída e desaparición do servidor onde hospedabamos o sitio, que fixo que perderamos unha chea de datos até; e que, por infortunio, de paso levou por diante ao veterano e inesquecíbel e-music, e un bo anaco de Ouveos na noite (que xa regresou con máis carraxe e forza ca nunca), regresamos cun podgalego.org renovado. Aínda falta traballo por facer, no deseño e no contido dos recursos, pero cinco meses calados xa era moito tempo de diola. E traemos novidades, algunhas visíbeis xa, e outras que están agochadiñas para máis adiante e que xa iredes descubrindo.
Na sección de Novas están: a inclusión de imaxes, para dar algo máis de vida e alegría á cousa; e tamén unha que achamos ben importante, a inclusión de etiquetas ou marcas para axudar a localizar novas relacionas por temas comúns. E, se queres e gustas, agora xa podes compartir as novas máis interesantes en sitios como Chuza!, del.icio.us, technorati ou facebook.
Do mesmo xeito, o Directorio, ánima e ser deste sitio, está agora clasificado por Categorías, podendo así buscar os podcastes por temática ou por contidos, facilitándovos a procura. E ademais incorporamos un botón para subscribirse directamente desde o iTunes, e outro que executa un reprodutor para que poidades escoitar os episodios sen necesidade de ir ao sitio do podcast e poidas ter unha idea do que podedes atopar alí.
Igualmente, queremos darlle un pulo importante á sección de Recursos, onde incorporamos varios apartados que se han ir completando paseniño, e que pretendemos vos sexan de axuda para crear ou escoitar podcastes.
E se tedes suxestións ou queixas que facernos, enviarnos novas relacionadas co podcasting ou de interese para os podcasteiros, se sabedes dalgún falangullo que non estea metido no directorio, se tedes feitos manuais ou coñecedes recursos, ou se (ánimo!) queredes colaborar con este proxecto, podedes darnos un aviso desde o formulario de contacto.

Nada máis, Feliz 2008 e mil falangullos máis en galego!!