De radios e novos falangullos

Nas últimas semanas apareceron novos falangullos galegos. Dos xurdidos no curso do Consello da Xuventude xa falamos aquí, mas hai un par deles novos, e ámbolos dous teñen vencello con radios locais, posibilitando por medio do podcasting traspasar fronteiras e espallar as voces a calquera recuncho do mundo (con conexión a rede, claro).

Tecnívoros
É, que nós teñamos constancia, o primeiro podcast en galego sobre informática e tecnoloxía, non era sen tempo; e naceu dun pequeno apartado sobre novas tecnoloxías no programa Entre Nós, de Radio Lalín. Oxalá se animen a facer un spin-off e facelo máis de seu e algo máis longo, pois dez minutiños saben a pouco.
O Recuncho
Novo espazo radiofónico na Ràdio FilispiM focado en temas sociais e culturais que afectan ás mulleres e homes da Ferrolterra.

E falando de Rádio FilispiM, tamén vos comentamos que C'mmons baby! (un podcast sobre músicas publicadas baixo licenzas abertas) comezou emitir polas ondas desta emisora desde hai un par de semanas.
Benvida a interacción entre medios, a ver se isto axuda a que as outras radios libres galegas aproveiten a tecnoloxía do podcasting para agrandar a súa difusión e ser aínda máis libres.