Os vellos podcasteiros nunca morren

Pois si, despois dunha longa ausencia, parece que dous podcasteiros egrexios, retornan ao medio.
Por unha banda, seguindo co romance falangulleiro coa radio, María de Mallou, pioneira nisto do podcasting galego co seu inesquecíbel casatlántica, decidiu encasular as súas intervencións no Extrarradio da Radio Galega e poñelo ao alcance de todos neste novo seu recuncho: Mallou.
O outro retornado é Modesto del Río, que despois do xa mítico Chuzanews! volve ao ataque con Podpailán, unha pílula de frikismo e retranca sen paraxe.
Ben regresados pois e... mil falangullos máis para o galego!

De radios e novos falangullos

Nas últimas semanas apareceron novos falangullos galegos. Dos xurdidos no curso do Consello da Xuventude xa falamos aquí, mas hai un par deles novos, e ámbolos dous teñen vencello con radios locais, posibilitando por medio do podcasting traspasar fronteiras e espallar as voces a calquera recuncho do mundo (con conexión a rede, claro).

Tecnívoros
É, que nós teñamos constancia, o primeiro podcast en galego sobre informática e tecnoloxía, non era sen tempo; e naceu dun pequeno apartado sobre novas tecnoloxías no programa Entre Nós, de Radio Lalín. Oxalá se animen a facer un spin-off e facelo máis de seu e algo máis longo, pois dez minutiños saben a pouco.
O Recuncho
Novo espazo radiofónico na Ràdio FilispiM focado en temas sociais e culturais que afectan ás mulleres e homes da Ferrolterra.

E falando de Rádio FilispiM, tamén vos comentamos que C'mmons baby! (un podcast sobre músicas publicadas baixo licenzas abertas) comezou emitir polas ondas desta emisora desde hai un par de semanas.
Benvida a interacción entre medios, a ver se isto axuda a que as outras radios libres galegas aproveiten a tecnoloxía do podcasting para agrandar a súa difusión e ser aínda máis libres.

Curso de Podcasting no Centro Multimedia de Galicia

Estos días estivose a desenvolver un curso sobre Podcasting no Centro Multimedia de Galicia, un completo centro de ensino con salas distribuidas por todo o país. Este curso, organizado polo CXG foi seguido dende Compostela, A Coruña, Ourense e A Estrada e impartido por Sak, un dos administradores de Podgalego.

Foi un curso cun alto nivel de coñecementos informáticos e de interese no tema do podcasting do que é moi posible que saian novos e moi interesantes falangullos dos que por suposto teredes aquí novas. No entanto deixamosvos aquí o material que se utilizou no curso, unhas transparencias moi basicas pero con direccións interesantes:

(actualización) 750 subscritos no European Podcast-Award

(No blog oficial (en inglés) dos European Podcast-Award fan o reconto (a 19 de agosto e disque a falta dalgún que aínda teñen pendentes de meter) dos podcasts apresentados ao concurso.
Eís que os podcasteiros españois foron os que máis candidaturas presentaron, velaí o ranking por países.)
Despois de estender o prazo de inscrición a lista definitiva fica así:

  1. Alemaña: 140
  2. España: 130 (8 galegos)
  3. Reino Unido: 128
  4. Franza: 82
  5. Italia: 77
  6. Países Baixos: 51
  7. Noruega: 31
  8. Suiza: 30
  9. Chequia: 23
  10. Austria: 23
  11. Letonia: 10

(Aínda que hai que dicir que o funcionamento da web foi bastante trapalleira nas primeiras semanas, con eivas á hora de ver as listaxes de candidatos, non ter en lugares visíbeis os rss dos podcasts... souberon rectificar en tempo e melloraron bastante esas cuestións. Agardamos que se hai unha segunda edición sexa todo máis xeitoso desde o inicio.
E agora xa só fica agardar a setembro para saber se algúns dos nosos representantes galegos acada algún dos premios, que somos tantos como en Letonia! Sorte a todos e... Vota por eles!)
Se non mudan outra vez de opinión (están perdendo un pouco de seriedade con ese dar máis días para subscribirse) cedo saberemos os falangullos finalistas, e en novembro quen son os gañadores definitivos.


+ info:
http://www.european-podcast-award.eu/
http://blog.european-podcast-award.eu/ove...
http://blog.european-podcast-award.eu/ove...

Distribuir contido