O mes de novembro do pasado 2007 saíu á rúa un libro-guía sobre o podcasting editado por Anaya Multimedia: Podcasting, escrito por Juan F. Marcelo e Eva Martín.
O libro tenvos bastante boa pintiña, máis se facemos caso da recensión que fixo del Francisco Herrera no seu blog, que foi onde topamos a nova. Francisco di que malia que as guías desta editora normalmente son, en xeral, moi aburridas, neste caso non é así, topando, por contra, un libro moi completo e cunha redacción amena e lixeira. O certo é que se vemos o índice podemos comprobar que este abrangue dende a explicación de que é o podcasting, até as posibilidades comerciais do mesmo; pasando polo medio por aspectos legais, algúns directorios onde promover o teu falangullo, fundamentos básicos do son e cuestións técnicas (tipos de micrófonos, como montar un estudio caseiro...), a creación dos rss, software e hardware para realizalo... en fin, parece moi xeitosiño. Ten 384 páxinas e custa 13,30 € 12,80 €, que se ben non é moi barato, tampouco se fai moi caro (seguro que gastades máis unha noite de carallada).
+ info:
http://lajanda.blogspot.com/2008/01/podca... (castelán)
http://tinyurl.com/yru944 (castelán)
O servizo de balde para aloxar blogues, WordPress.com, decidiu que agora as contas dispoñan, de balde, de até 3 Gb de espazo, cousa que abre a posibilidade de, coa axuda do Podpress, hospedar alí un podcast durante unha boa tempada. A que soa gorentoso? Non permiten aínda subir arquivos de video e non serve para facer un videocast, mais se isto ten éxito, non desbotamos que chegue acontecer, non?. Ah, e se tiñas xa pagada unha ampliación a 1 Gb. de espazo dos 50 Mb. que ofertaban antes de balde, agora danche até 5 Gb!
+ info:
http://mmagnum.wordpress.com/2008/01/23/w... (castelán)
http://unpocodemucho.wordpress.com/2008/0... (castelán)
http://wordpress.com/blog/2008/01/21/thre... (inglés)
Mala nova... para os usuarios de Mac que producen os seus podcastes co Audacity, posto que seica faltan voluntarios que axuden ao lanzamento da versión 1.3.4 desta plataforma. Con todo parece que o S.O.S. enviado no foro do editor de audio callou e xa se presentaron algúns voluntarios. Agardemos que a cousa se retome.
+ info:
http://audacityteam.org/
http://audacityteam.org/forum/viewtopic.p...
Xa vai para un bo feixe de semanas, o amigo Calros nos comentaba que o Morrazo, noutrora capital do heavy nos oitenta,
estaba a se converter agora en capital da electrónica na Galiza, e nos remitía a un novo netlabel especializado nese tipo de música, Teorema. Até agora non teñen unha web propia e traballan polo myspace, mais así e todo teñen xa lanzandos baixo licenzas creative commons, media ducia de EPs carregados de electrónica, techno e house; somándose deste xeito ao selo especializado tamén neste xénero musical Parafuso, que leva xa un ano lanzando novas propostas. No seu myspace din que pertencen ao Colectivo Feelthetrip, unha especie de asociación de dj galegos, principalmente cangueses, onde tamén podes descargar, baixo a mesma licenza, as súas producións.
E esta mañá, de novo Calros, achégame un correo que lle remitiran desde Teorema, anunciando o nacemento de Tres Catorce Netlabel, unha división do selo, enfocada cara o baile mental, e o lanzamento da súa primeira referencia: un compilatorio chamado Piedra Angular, cheo de sons ambient, jungle, post rock e mesmo dub. Neste disco recollen producións de Astroboyz, Leche, Movhi, One, Malt.Tabulated Sounds, A.I, SR Duck, Dark Squad, Danjelli, Nai-Ox, Misqulater, LUME Produccions, Jacobo Prieto, e Dedxound.
E pesquisando por estes sitios topamos tamén estoutros, que poden ser de interese para os siareiros destes sons de club e baile: Offaudio.com, portal e netlabel, sobre música techno en España e Flyers de Luxe, web de cultura electrónica viguesa.
HowAudio lanzou o tutorial en DVD, Introduction To Podcasting, con todos os pasos para publicar un falangullo, desde a gravación até a publicación. Pódese ver en liña mediante unha subscrición de pago. (en inglés)
+ info: http://www.howaudio.com/html/Video.aspx?m...