Desde Mensaxe nunha botella, caderno dixital do grupo de Técnicas de Expresión Escrita do IES David Buján de Cambre, anunciaron a creación dun novo espazo sonoro dentro das actividades neste eido que levan facendo xa dende hai tempo neste instituto: Son de poetas.
Son de poetas é un proxecto co que pretenden facer unha escolma de poemas galegos musicados de todas as épocas. Comezan con dúas versións de Negra sombra de Rosalía de Castro (Follas Novas, 1880): a clásica de Amancio Prada, e a máis recente de Carlos Núñez coa voz de Luz Casal.
Sexan benvidas estas iniciativas, seguro que con estes enredos os rapaces collen con máis gusto estudar poesía.
A AS-PG segue coa súa teima de converter o podcasting nunha ferramenta válida para o mundo educativo e pedagóxico, cousa que nos enche de ledicia. Para iso, continúan coa súa rede de cursos e obradoiros por algunha das principais cidades e vilas galegas: A Coruña, do 24 ao 28 de setembro; Santiago de Compostela, do 24 ao 27 de setembro; Burela, do 12 ao 18 de novembro; Lugo, do 19 ao 22 de novembro; e Ourense, do 19 ao 23 de novembro.
Para saber dos cursos máis polo miúdo ver aquí.
Do mesmo xeito, poñen en marcha o 1º Concurso de Podcasts Lingüísticoartísticos (que xa destacaramos aquí meses atrás) coa colaboración e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O concurso está aberto a todos os estudantes matriculados en calquera centro de ensino non universitario de Galicia.
Para consultar as bases podedes visitar a web oficial do concurso, ou descargar este PDF.