Aquí imos tentar explicar de xeito sinxelo o que precisas para gravar o teu podcast. Non é moito: un micrófono, un computador, e un programa de gravación de son. Podes facelo máis profesional, cunha mesa de mesturas e tal, pero non é imprescindíbel.
Unha vez tes mesturadas todas as pistas tes que exportar o arquivo enteiro coma mp3 ou ogg. Aínda que din que a compresión en ogg é de máis calidade, e é de código aberto, o certo é que non todos os reprodutores o poden reproducir, por tanto, case que recomendamos a compresión en mp3, preferentemente a un bitrate de 128 Kb para manter unha calidade xeitosa (máis pode facer o arquivo moi pesado se o episodio é longo, e menos pode facer perder bastante calidade no son) e a unha frecuencia (mellor gravar xa nela) múltipla de 22.050 Hz, o ideal sería a 44.100 Hz, para evitar que nos reprodutores saian as voces pitufantes.
Exportado o arquivo de son, só fica subilo á rede. Nos principios do podcasting había que crear o rss (preciso para a sindicación) a man ou con algunha aplicación, pero hoxe en día non é preciso, xa que, ben o subas a un sitio de hospedaxe específico de podcastes, ou ben empregues algún CMS, este xérase automaticamente. Tes información sobre sitios de hospedaxe (hainos de balde, ou non moi caros) aquí, e sobre CMSes aquí.
Os CMS, son sistemas de xestión de contidos que sirven para publicar na rede, e existen algúns específicos para a publicación de podcastes. Con todo, son para usuarios algo máis avanzados, porque hai que fochicar un pouco por dentro para que traballen como compre. Ademais, precisas unha hospedaxe propia que soporte cando menos PHP para que traballe o CMS, capacidade de almacenamento e uso de ancho de banda abondo para poder co fluxo dos arquivos de son que vas subir; isto fai que este sistema de publicación resulte, de primeiras, máis custoso economicamente por causa da contratación destes servizos.
Eis unha listaxe dos máis coñecidos:
Os programas de subscrición (ou podcatchers) son aplicacións, que che permiten agregar ou subscribirte aos feeds dos teus podcastes favoritos. Descargan automáticamente os episodios no teu computador, e así podes escoitalos cando queiras e as veces que queiras. De feito, isto é o cerne do podcasting.
Estes programas recoñecen o rss dos falangullos, e sempre que se actualizan descargan o arquivo de audio á carpeta que ti marques para iso no teu computador. Unha vez os tes descargados xa podes escoitalos, ben no propio computador ou ben en calquera reprodutor de mp3 portátil que teñas.
Hai unha chea deles, pero nós imos darche os nomes dos máis coñecidos e fáciles de usar:
Tamén poden ser boas ferramentas os agregadores de feeds en liña, como Bloglines ou Google Reader, porén, se ningún destes que che mostramos che enche o ollo, topamos pola rede este sitio (aquí) cun bo feixe deles ligados.
Eís unha breve listaxe dalgúns sitios onde podes subir e crear o teu falangullo de xeito sinxelo e despreocupándote de ter que crear os rss.
Agora non digades que tedes preguiza. ;)
Eís unha listaxe de sitios onde atopar música e sons para os teus falangullos con licenzas de copyleft, baixo creative commons, coloriuris, ou similares... aparte dos que fomos topando nas nosas pesquisas persoais, aproveitamos tamén algunha aportación dos amigos de podcastellano.
O movemento de distribución de música baixo este tipo de licenzas é máis grande cada día que pasa, e faise imposíbel abranguelo todo, porén, nestes sitios podedes topar ligazóns a moitos outros sitios máis, e seguir a vosa propia busca.
A nosa intención, con esta listaxe, é, máis ca evitar posibles problemas de dereitos coa SGAE polas músicas que empreguedes nos falangullos, promover a música libre, porque se están a facer cousas moi interesantes fóra das gadoupas cobizosas da industria musical, e porque cumpre escoitar cousas novas que doutro xeito ficarían tristemente agochadas.
Seguimos pesquisando... ;)