Iniciar sesión

gravación

Gravar un podcast

Aquí imos tentar explicar de xeito sinxelo o que precisas para gravar o teu podcast. Non é moito: un micrófono, un computador, e un programa de gravación de son. Podes facelo máis profesional, cunha mesa de mesturas e tal, pero non é imprescindíbel.

O micrófono
O micrófono, como xa todos saberedes, recolle o son. Hainos de distintos tipos, calidades e prezos, mas para comezar non é necesario que gastes moitos cartos, nin que sexa un micrófono de calidade profesional, entre outras cousas porque aí xa che faría falla unha mesa e o custe incharía bastante. Con todo, se tes interese, a casa Behringer, por exemplo, sacou un par de paquetes especiais para o podcasting, con micrófono, mesa e auriculares, a prezos non moi esaxerados.
Sendo prácticos, cun sinxelo micrófono ou un headset (auriculares con micro acoplado) que poidas conectar ao computador chega ben. Nós, mesmo temos gravado coa opción de gravar voz do noso reprodutor mp3, que tamén lle pode dar un aquel de cousa en vivo, ou non?.
O Computador
Ben, do computador, pouco diremos, apenas que teña tarxeta de son e un procesador canto máis rapidiño mellor, e que non ande escaso de memoria RAM; máis que todo porque o traballar con son tira bastante dos recursos, e aínda tira máis se vas facer un videocast.
Programas de gravación
Tamén hai unha chea deles, profesionais, de pago, caros, baratos, sinxelos... Nas Novas temos falado dalgúns, pero para o tema do podcasting, que é o que nos interesa, imos, de momento, centrarnos en dous programas:
Audacity
É un editor de son multiplataforma (Linux/Unix, Mac OS X, Windows) de código aberto e de balde. Moi sinxelo de uso, que sirve non só para gravar a voz senón tamén para editar enteiro o teu falangullo. Podes crear varias pistas onde meter os cortes de son (voz, música, cortinas...) para facer as mesturas, e ferramentas básicas e efectos para facer algo con xeito sen necesidade de saber moito de edición. Podes descargalo aquí, e tamén tes manuais básicos en castelán e português do Brasil.
GarageBand
Vén de serie co paquete, ou suite, iLive dos Mac, e o certo é, que para gravar podcasts e non só, é unha chulada. Tes unhas pistas para voz e outras para música e para jingles, de xeito que colocadas unhas enriba doutras, por exemplo, cando detecta que comeza a voz, baixa automaticamente o volume da música. Tamén podes engadir distintas imaxes para que aparezan como portada do podcast, mesmo podes pór varias en distintas partes do episodio e crear capítulos. Aquí tedes un tutorial en video (en inglés) de como traballa.
Como non todos os días son de festa, ten de malo que só é para Mac e, aínda que vén incluído no software do computador, para facer actualizacións a versións novas hai que pagar.

Unha vez tes mesturadas todas as pistas tes que exportar o arquivo enteiro coma mp3 ou ogg. Aínda que din que a compresión en ogg é de máis calidade, e é de código aberto, o certo é que non todos os reprodutores o poden reproducir, por tanto, case que recomendamos a compresión en mp3, preferentemente a un bitrate de 128 Kb para manter unha calidade xeitosa (máis pode facer o arquivo moi pesado se o episodio é longo, e menos pode facer perder bastante calidade no son) e a unha frecuencia (mellor gravar xa nela) múltipla de 22.050 Hz, o ideal sería a 44.100 Hz, para evitar que nos reprodutores saian as voces pitufantes.
Exportado o arquivo de son, só fica subilo á rede. Nos principios do podcasting había que crear o rss (preciso para a sindicación) a man ou con algunha aplicación, pero hoxe en día non é preciso, xa que, ben o subas a un sitio de hospedaxe específico de podcastes, ou ben empregues algún CMS, este xérase automaticamente. Tes información sobre sitios de hospedaxe (hainos de balde, ou non moi caros) aquí, e sobre CMSes aquí.

Distribuir contido