Os programas de subscrición (ou podcatchers) son aplicacións, que che permiten agregar ou subscribirte aos feeds dos teus podcastes favoritos. Descargan automáticamente os episodios no teu computador, e así podes escoitalos cando queiras e as veces que queiras. De feito, isto é o cerne do podcasting.
Estes programas recoñecen o rss dos falangullos, e sempre que se actualizan descargan o arquivo de audio á carpeta que ti marques para iso no teu computador. Unha vez os tes descargados xa podes escoitalos, ben no propio computador ou ben en calquera reprodutor de mp3 portátil que teñas.
Hai unha chea deles, pero nós imos darche os nomes dos máis coñecidos e fáciles de usar:
- iTunes
- É, posibelmente, o máis empregado no mundo e o que máis está axudando a espallar o podcasting. É de Apple, e sincronízase co popular iPod, permite tamén subscribirse a podcasts desde a iTunes Store. O certo é que o iTunes é un reprodutor de audio que ten acoplada a función de poder sindicarte a falangullos. Ten ademais unha cousa moi útil, e é que destaca os episodios que aínda están sen escoitar dos que xa si, de xeito que sabes máis fácil cales se actualizaron e cales non.
En contra: É moi pesado, e non ten versión para Linux.
- Juice ou iPodder
- Libre, de balde e multiplataforma (GNU/Linux, Mac e Windows) baixo licencia GPL. É moi lixeiro e bastante configurábel, por contra depende dun reprodutor para poder escoitar os podcastes no computador, aínda así, nas Preferencias, pode asociarse ao reprodutor que teñas instalado para que ao abrir un episodio se faga nese reprodutor. Na súa versión de Windows é accesíbel para cegos e impedidos visuais.
En contra: Leva preto de dous anos sen actualizarse e parece que o proxecto está abandonado, con todo é unha moi boa opción.
- Winamp
- O popular reprodutor de audio incorporou nas últimas versións un agregador de podcastes bastante xeitoso, co cal se xa o tes instalado no teu computador pode ser unha boa opción para escoitar e subscribirte aos teus falangullos favoritos.
En contra: Só serve para usuarios de Windows, e sendo muito máis lixeiro ca o iTunes, tamén é algo pesado por todas as opcións que ten como potente reprodutor multimedia.
- Doppler
- É moi moi lixeiro (2,41 Mb.) e tamén moi configurábel, ten unha versión DopplerMobile en beta, e leva encastrado o reprodutor para poder escoitar os podcastes. Recentemente abriron o código para que a comunidade lles bote unha man para desenvolver e mellorar o proxecto. Se vos interesa colaborar podedes visitar este sitio.
En contra: Só hai versión para Windows.
- Amarok
- É un reprodutor de audio para Unix ou derivados, como Linux, que incorpora sindicación para podcastes, unha outra boa opción para os usuarios destes sistemas operativos.
En contra: Só hai versión para Unix e derivados.
- Podnova
- Outro interesante programa desenvolvido por xente que traballou antes no Juice. É tamén multiplataforma, e ten a particularidade de que está basicamente deseñado para traballar en liña, isto é, non precisas instalalo no teu computador. Funciona un pouco como as redes sociais, abres unha conta de balde e vas metendo aí os feeds dos teus falangullos favoritos (importa OPMLs), podes facelos visíbeis a todo o mundo ou só aos contactos e podes etiquetar e valorar os episodios. Ten de bo que podes ter acceso aos teus podcastes dende calquera computador e calquera sitio. Conta tamén cunha aplicación para descargar no teu escritorio que sincroniza coa túa conta.
En contra: Só nos consta versión en inglés, e a aplicación do escritorio é algo liosa porque apenas ten catro botóns e para configuralo reenvíate á web de Podnova.
Tamén poden ser boas ferramentas os agregadores de feeds en liña, como Bloglines ou Google Reader, porén, se ningún destes que che mostramos che enche o ollo, topamos pola rede este sitio (aquí) cun bo feixe deles ligados.