Para compensar un pouco a demora en publicar algunhas destas novas, imos facer apenas referencias con ligazóns onde poder saber máis delas:
Mariano Grueiro, considerado o primeiro galego nisto de probar co podcasting co seu desaparecido Plan Galicia, anunciou no seu blog que se presenta ao Senado nas Xerais deste ano, pola candidatura que o POSI presenta na provincia de Lugo. Alí, dá conta dos motivos polos que tomou esta decisión e entrevístase a si mesmo consciente da pouca difusión que a súa candidatura vai ter nos media. Nós, como non somos un grande media, e el é podcasteiro, si damos a nova. Sorte o día 9 Mariano (Grueiro)!
+ info: http://grueiro.blogaliza.org/2008/02/22/m...
Queremos facernos eco da interesante proposta de ACoruñaSon.
Trátase dun certame de creación de canción popular organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña e co apoio da Radio Galega, Gadisa e Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Este Certame ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego.
Os autores/-as participantes no certame deberán subir os vídeos ou MP3 das súas cancións orixinais á web http://acorunason.eu entre o 16 de xaneiro e o 5 de marzo de 2007. Todos os usuarios/-as rexistrados na web e os oíntes de “Aberto por Reformas” da Radio Galega terán a oportunidade de votar polas súas cancións favoritas. Destas votacións sairán un total de 30 seleccionadas, entre as que o director técnico do Certame, Santiago Auserón, escollerá os 10 autores premiados. [...] O anuncio dos 10 autores/-as gañadores darase a coñecer publicamente o día 10 de marzo de 2007.
Os dez autores/-as seleccionados terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular dunha semana de duración impartido por Santiago Auserón, primeira figura da creación, a interpretación e o estudo da música popular peninsular, onde traballarán as súas propias composicións. Así mesmo as Concellarías de Cultura e de Mocidade asumirán a gravación e edición dun disco colectivo coas composicións dos dez autores premiados.
[...]
Unha vez rematado o Obradoiro, a web http://acorunason.eu manterase con vocación de continuidade para que os autores/-as de canción popular en galego poidan continuar a subir e dar a coñecer as súas composicións, de modo que cumpra a función de plataforma de promoción e difusión da música popular en galego a través da Rede.
+ info: http://acorunason.eu
Ponte nas Ondas, a asociación luso-galega que leva anos loitando polo recoñecemento da tradición oral común dos países irmáns como Patrimonio Inmaterial na Unesco, acaba de convocar a segunda edición do concurso para a recuperación e coñecemento do patrimonio oral galego-portugués. O certame naceu para que a cadea de transmisión dos saberes e cultura populares non rache e teña continuidade nas novas xeracións. Está aberto ao alumnado de todos os centros educativos de Galiza e Portugal, de Infantil até a Universidade. O prazo de inscrición remata o 31 de xaneiro de 2008, e o de recepción de traballos, que pode ser en formato de video ou audio, o 1 de maio do mesmo ano.
+ info:
http://www.opatrimonio.org/ (web)
http://www.opatrimonio.org/gz/candidatura... (candidatura)
http://www.opatrimonio.org/varios/2008-Re... (bases)
via: http://www.vieiros.com/nova/63097/de-cant...
Os deseñadores Per Arlander, Madlene Linstrom e Ozgur Tasar pensaron que era unha moi boa idea poder escoitar música mentres descansas repachingado no sofá e déuselles por inventar esta moderna e bonita almofada reprodutora de mp3.
A MPillow está rechea cun plástico translúcido feito dun xel flexíbel e elástico desenvolvido na Alemaña, chamado Technogel. Pode conectar sen fíos co computador e descargar música, os teus falangullos favoritos ou empregar os sons que fornecen os servidores propios da Mpillow. Tamén ten luces relaxantes que cambian de cor e intensidade co ritmo da música.
+ info:
http://www.tecnodomos.com/nueva-almohada-... (castelán)
http://www.podcastingnews.com/2007/12/28/... (inglés)
http://www.yankodesign.com/index.php/2007... (inglés)
http://www.technogel.de/ (alemán, inglés)